Investigación e transferencia de coñecemento
Investigación
O cambio climático está a afectar profundamente a case todos os aspectos da nosa vida. A actividade humana é responsable das importantes emisións de gases de efecto invernadoiro, e nesta inclúense os centros de datos e outras fontes de computación a gran escala. Aínda que o desenvolvemento dos modelos de Intelixencia Artificial está a contribuír á consecución de grandes fitos científicos, a miúdo subestímase o seu impacto ambiental.
A perspectiva de investigación multidisciplinar proposta desde a Cátedra permite abordar os problemas desde diferentes ángulos, fomentando o diálogo e a cooperación entre os distintos actores implicados na creación de algoritmos verdes. Consideramos que só desde esta perspectiva pódense ofrecer solucións integrais e sostibles que respondan as necesidades e expectativas da sociedade
É imprescindible que a IA atope camiños para facer o noso planeta máis sostible. E este obxectivo da Cátedra está aliñado cun dos obxectivos principais da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, dentro da súa medida 20: proporcionar un marco de referencia para o desenvolvemento dunha IA inclusiva, sostible e centrada na cidadanía.
A contribución da disciplina ha de ser dobre: por unha banda, debe permitir o desenvolvemento de aplicacións en distintas áreas e sectores que contribúan á sustentabilidade e a combater o cambio climático, e polo outro lado, a IA necesita atopar camiños cara a algoritmos máis escalables e sostibles que permitan reducir a pegada de CO2 dos actuais.
Os obxectivos xerais das liñas de investigación desta cátedra son o desenvolvemento de modelos baseados en técnicas de Intelixencia Artificial en aplicacións ambientais en sentido amplo, englobando por unha banda as perspectivas da IA en temas de economía, enerxía e sociais. Polo outro lado, contémplase o desenvolvemento de modelos de IA sostibles, tanto desde o punto de vista da enxeñería de datos como desde o punto de vista do consumo enerxético dos algoritmos de IA.
Liñas e subliñas de investigación
Liña 1 - Desenvolvemento de algoritmos que sexan eficientes enerxéticamente
Algoritmos en baixa resolución, optimización de modelos con técnicas de HPC (High Performance Computing), computación no borde e aprendizaxe federado, computación cuántica, estruturas de datos compactas eficientes enerxéticamente e optimización do procesamento da linguaxe natural.
Liña 2 - Intelixencia artificial para eficiencia enerxética e desenvolvemento sostible
Computación cuántica para o desenvolvemento sostible, algoritmos para eficiencia enerxética en edificios e mobilidade urbana, e IA para modelar comportamentos sociais en relación coa eficiencia enerxética e a sustentabilidade.
Liña 3 - Robótica sostible
Estratexias relacionadas coa Cadea de Produción Verde, a Computación verde e a interacción co medio ambiente.
Liña 4 - Estudo das implicacións éticas, sociais e económicas dos algoritmos verdes
Transferencia de coñecemento
A estratexia de transferencia e explotación de resultados da Cátedra busca garantir que os resultados da investigación realizada na mesma sexan transferidos á sociedade e se convertan en produtos, servizos ou solucións concretas que poidan ter un impacto positivo na sociedade e a economía.
Do mesmo xeito, a acción de transferencia da Cátedra promoverá o establecemento de relacións cos axentes do ecosistema público, privado e cidadán vinculado á IA e á sustentabilidade ambiental.
A finalidade desta actuación é xerar oportunidades de colaboración que supoñan unha difusión e divulgación do coñecemento xerado en investigación, que posibilite a súa chegada á sociedade, propiciando de maneira simultánea a detección de necesidades específicas e áreas de interese.
A Cátedra ofrece un catálogo de servizos vinculados cos aspectos de sustentabilidade ligados ao despregamento da Intelixencia Artificial, que constitúen o seu ámbito de actuación. Pretende así actuar como un axente para o desenvolvemento e materialización de proxectos e a participación en consorcios para a presentación de propostas a convocatorias de financiamento públicas e privadas.
Desde a Cátedra impulsarase a realización de prácticas en empresas en temáticas relacionadas coas súas liñas de actuación, así como a realización de doutoramentos industriais e a presentación de retos por parte de empresas do tecido produtivo cuxa solución poida levar a cabo desde o ámbito da Green AI.
A Cátedra levará a cabo acciones de promoción do emprendemento no ámbito da Intelixencia Artificial verde, perseguindo para iso a materialización de colaboracións co ecosistema e infraestruturas vinculadas ao desenvolvemento de empresas de base tecnolóxica.