Tras unha consulta con máis de 1500 participantes o proxecto de ciencia cidadá abriu unha segunda fase cualitativa para debater, escoitar e contrastar que entende a cidadanía por IA verde, en quen confía para desenvolvela e que condicións esixe para aceptala.
A conversa empezou con palabras positivas: rapidez, alivio, axuda, satisfacción. Pero aos poucos minutos apareceron outras: culpa, frustración, dependencia, irreversibilidade. A IA non se percibe como unha ferramenta neutral. Úsase porque funciona, pero tamén xera moitas dúbidas sobre o que delegamos, o que deixamos de exercitar e o que non vemos. A pregunta xa non é se a IA serve… A pregunta é que custo ten usala.
Unha idea que atravesou o inicio da sesión: a experiencia coa IA depende tanto da ferramenta como de quen a utiliza. Quen sabe preguntar, contrastar e supervisar obtén mellores resultados. Quen non, pode quedar atrapado entre respostas convincentes, erros invisibles e unha falsa sensación de dominio.
Os escenarios debatidos mostraron que un proxecto de IA non se acepta automaticamente por presentarse como sostible. O grupo reclamou condicións: A sustentabilidade importa. Pero non substitúe á seguridade, a utilidade nin a xustiza territorial.