Presentación

Obxectivos e funcións

A Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes ten como obxectivo promover a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no campo da Intelixencia Artificial e os algoritmos verdes, co fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e a protección do medio ambiente, sendo algúns dos obxectivos específicos os seguintes:

– Desenvolver programas de formación en IA verde.

– Promover a investigación e a innovación no campo da IA verde identificando desafíos e fomentando a cooperación público-privada.

– Facilitar a transferencia e explotación dos resultados da investigación da cátedra mediante a comercialización de servizos e produtos e a posible creación de spinoffs.

– Promover a difusión dos resultados da investigación e o coñecemento en IA verde a través da publicación de artigos e a organización de eventos e actividades de divulgación e ciencia cidadá.

– Posicionar a cátedra como referente no ámbito da IA verde a nivel rexional, nacional e internacional a través da participación en eventos e grupos de traballo, a colaboración con outras institucións e a identificación de oportunidades de financiamento.

Historia da cátedra

A Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes nace no ano 2023, produto dun Convenio subscrito entre a Universidade da Coruña e o Grupo Inditex.

En 2024, a Cátedra logra financiamento público competitivo para o desenvolvemento da súa actividade, sendo beneficiaria da convocatoria “Axudas para a creación de cátedras universidade-empresa Cátedras Enia”, destinadas á investigación e desenvolvemento da intelixencia artificial, para a súa difusión e a formación no marco do PRTR, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU. Esta axuda foi concedida polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial (TSI-100925-2023-1, segundo resolución de concesión de data 01/08/2024)

Do mesmo xeito, a Cátedra conta con financiamento privado para o desenvolvemento da súa actividade, a través do apoio económico do grupo Inditex.

Promotores

A Universidade da Coruña é unha institución de educación superior pública xeneralista, que conta con 17 300 estudantes. Con dous campus nas cidades da Coruña e Ferrol, dispón de 23 facultades e escolas que imparten 109 titulacións oficiais, e leva a cabo unha intensa actividade investigadora, tanto a nivel xeral como a través dos seus 4 Centros de Investigación avanzada (CITIC, CICA, CITEEC e CITENI) que lle permitiu captar unha media de 16,5M€ en recursos para investigación nos últimos 3 exercicios.

A investigación en Intelixencia Artificial inicia o seu desenvolvemento en Galicia a finais da década de 1980, coincidindo coa creación de centros universitarios especializados en informática.

Un dos fitos iniciais foi a creación da Facultade de Informática da Universidade da Coruña (FIC) en 1986, facultade pioneira en Galicia, que impulsou a formación e a investigación en áreas relacionadas coa computación e a Intelixencia Artificial.

A investigación en IA na Universidade da Coruña posúe por tanto unha traxectoria próxima aos 40 anos, que foi consolidada coa creación do CITIC, Centro de Investigación TIC da UDC, no ano 2008.

O grupo Inditex é unha corporación de referencia internacional no ámbito da Industria da Moda, operando no sector da distribución a nivel global e mantendo presenza en 213 mercados, tanto a través de tendas físicas como da súa plataforma ‘online’.

O grupo presenta unha facturación próxima aos 36 000 M€ e conta cunha estratexia de mellora continua de procesos en todas as súas áreas de actividade, xestión comercial e procesos industriais e loxísticos, que o converte nun importante axente de innovación transversal e colaborativa, así como un demandante cualificado de I+D aplicable aos seus procesos.

En xullo de 2023, o grupo Inditex anuncia os seus novos compromisos de sustentabilidade, que supoñen un fito na súa política de sustentabilidade e medioambiente, e constitúen unha decidida aposta no camiño cara ás cero emisións netas en 2040. Estes compromisos agrúpanse ao redor de seis liñas estratéxicas: fibras, fabricación de produtos, cambio climático, circularidade, biodiversidade e investimento na comunidade.

A incorporación e colaboración co grupo Inditex permitirá abordar os novos retos aos que se enfrontan a industria e, por outra banda, servir como plataforma de testeo e escalado dos resultados que vaian xerándose no marco da Cátedra. Neste sentido, a intensidade no uso das tecnoloxías obxecto da actividade da Cátedra polo grupo supón unha magnífica oportunidade.