Adina Dumitru, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, foi recentemente designada membro do Comité Científico da Axencia Europea de Medio Ambiente. Investigadora no Grupo de Investigación en Psicoloxía do Desenvolvemento e Aprendizaxe Escolar (GIPDAE), así como no Centro de Investigación Interuniversitario Ecobas e a Cátedra de Algoritmos Verdes da UDC, Dumitru foi seleccionada mediante un proceso aberto no que participaron 170 profesionais de diversas disciplinas relacionadas co ámbito de interese da Axencia.
O seu mandato comezará o 1 de xaneiro de 2025 e terá unha duración de catro anos, con posibilidade de renovación. Ademais, xa foi convocada para asistir á primeira reunión do Comité Científico, que levará a cabo o 25 e 26 de febreiro de 2025 en Copenhague (Dinamarca).
A inclusión de Adina Dumitru no comité permitirá abordar o tema das “Transicións Xustas”, brindando a súa perspectiva profesional sobre os programas de traballo da Axencia e outros asuntos relevantes.
O Comité Científico da Axencia Europea de Medio Ambiente asesora á Xunta Directiva e ao Director Executivo da Axencia, e está composto por científicos independentes dos países membros, con experiencia en diversas áreas ambientais como o uso de recursos, economía circular e residuos, saúde e medio ambiente, océanos e economía azul sostible, biodiversidade, cambio climático e transicións cara á sustentabilidade.