A Cátedra recolle o Premio ODS na Noite do CPEIG
O pasado 12 de xuño, a Cátedra INDITEX UDC de IA en Algoritmos Verdes participou na Noite do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. Neste evento, que reúne unha fantástica representación transversal do sector, tivemos a honra de recoller o Premio “Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)”, concedido en base ao traballo da Cátedra no desenvolvemento e promoción da aplicación da IA máis eficiente e respectuosa co medio ambiente.
Recolleu o premio a directora da Cátedra, Verónica Bolón Canedo, de mans de Esther Miñana Lloret, de Inditex, e de Almudena Justo Martínez, de Fujitsu. Tamén asistiu ao evento unha representación do equipo, integrada por Oscar Fontenla Romero, Richard Duro, David Vilares Calvo, Brais Cancela Barizo, Samuel Magaz Romero e Xosé Manuel García, RTTP.
Unha noite chea de emocións, na que ademais puidemos ter unha panorámica das moitas iniciativas desenvolvidas no último ano polas empresas e profesionais colexiados, e na que a Universidade da Coruña -representada pola Vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía Cortiña-, tivo tamén unha importante presenza en varios dos galardóns concedidos.